Non só é comida: cookies e privacidade
Que son as cookies? Cómense? A que se parece unha cookie? Debería aceptalas e, en calquera caso, teño algunha cookie no meu ordenador? Estas son preguntas que moita xente (non técnica) pregunta moito. Intentarei resolver algunhas delas nesta entrada, comentando o concepto de cookie e dando unha pequena introdución a que é a privacidade.
As cookies non son malas
Ben… entón se as cookies non son malas, debería aceptalas, non? Espera, espera! Déixame que me explique.
As cookies son uns simples cachos de texto que se usan para identificar peticións e realizar algunha acción en consecuencia. Como expliquei nunha entrada anterior, cando cargas un sitio web, o servidor entregarache os contidos e o teu navegador móstrachos por ti. Despois, cando clicas nalgún botón ou envías algunha información, é posible que se envíe ao servidor. Porén, como sabe o servidor quen está enviando estes datos?
Imaxina que estás usando Google Drive, fas login e sobes algo. Como podes imaxinar, os servidores de Google teñen moitas peticións de todo o mundo asi que, como saben quen está enviando o arquivo que estás subindo e se esa persoa está xa autenticada?
A resposta é simple: usando cookies.
Entón, as cookies non son malas. Son un sistema para manter as sesións web para que os usuarios non teñan que facer login cada vez que queiran facer algo como subir un arquivo. Tamén son as responsables de que a túa conta de Facebook xa estea aberta a seguinte vez que vas a ela, se non pechaches a sesión.
Cando as cookies se volven perigosas
Si, adiviñáchelo. As cookies tamén poden ser perigosas. Ben, dixen que as cookies só son un cacho de texto que mantén algo chamado sesión web. Agora imaxina que teño un periódico e que quero saber que publicidade debería ensinarche. Isto ponse interesante: Podería usar cookies para rexistrar a túa actividade online (como as cousas que buscas) e identificar en que publicidade poderías estar interesado. Por iso, cando vas ao meu periódico dicíndome as túas cookies, mostrareiche o contido con algúns paneis que quero que vexas.
Firefox Facebook container
O rexistro da actividade web non só se fai para os periódicos. Como pode que saibas, Facebook é moi bo adiviñando os anuncios que deberían mostrarche a ti. Nesta entrada non entraremos en como os sitios web fan este rexistro, pero veremos como podemos evitalo. Nesta liña, Firefox ten algo que dicir: o Firefox Facebook container.
Isto é unha extensión para o navegador desenvolvida polo equipo de Firefox que automaticamente detecta calquera elemento nun sitio web que poida ser usado por Facebook para rexistrar a túa actividade, e mostra un cercado sobre este. Ademais, cando vas a Facebook (ou calquera app relacionada, como Instagram), o navegador abrirá esta nunha lapela especial, o cal illará as cookies de Facebook do resto de cookies no teu navegador, evitando que Facebook as use para aprender cousas sobre ti.
Podes instalar a extensión dende aquí.
Pelexando coas cookies
Agora que tes algunha idea sobre que son as cookies, e que viches que hai algunhas solucións aí fóra para axudar a evitar o tracking e previr que servizos recollan información sobre a túa actividade online, falemos sobre como pelexar coas cookies.
Espera antes de comelas
Imaxina que queres buscar rapidamente sobre algo e empezar a ler en moitos sitios web. Se te preocupas pola túa privacidade pero non queres andar gastando clicks en configurar as cookies, o que precisas é o modo Incógnito do teu navegador.
Esta opción está dispoñible en todos os navegadores. O que fai é basicamente deixarche navegar por Internet sen usar as túas cookies existentes. Cando remates, pecha o navegador e todas as cookies e historial de navegación vai desaparecer!
Aquí hai un titorial en como usar o modo incógnito no teu navegador favorito.
Que fago se… xa as comín?
Vale, xa aceptaches as cookies pero queres desfacerte delas. O que podes facer é limpar as cookies do teu navegador e comezar dende o principio. Porén, ten coidado! Esta acción vai botarte fóra das sesións que tes abertas ata agora, como GMail ou Facebook. Así que, despois de limpar todas as túas cookies, vas ter que facer login e comezar a aceptar cookies de novo.
Esta opción está dispoñible en calquera navegador, normalmente vinculado a limpar o historial de navegación. A maioría dos navegadores son configurables, e déixanche elixir que é o que queres eliminar.
Que cookies ten un sitio web concreto?
A parte de eliminar todas as cookies do teu navegador, podes comprobar e eliminar as cookies que un sitio web usa. Como? Os seguintes pasos deberían funcionar para a maioría de navegadores:
- Vai ao teu sitio web favorito (digamos, martinord.eu)
- Fai click dereito nel e selecciona Inspeccionar elemento
- Comproba as cookies:
- En Firefox: cambia á lapela Almacenamento
- En Chrome: cambia á lapela Aplicación
EU ao rescate! RXPD
Agora que limpaches as cookies, é momento de volver a aceptalas!
Como? Espera. Aceptalas de novo? Ben, si, pero agora deberías saber un par de cousiñas:
A regra de ouro é comprobar que estás aceptando. Grazas á lei RXPD (Reglamento Xeral de Protección de Datos) a Unión Europea, dende 2018 os sitios web deben permitirche elixir que tipo de cookies queres aceptar.
En lugar de só clicar en Aceptar Todo, deberías configurar aquelas que ti queres. O meu consello aquí e desmarcar todas as cookies menos as técnicas (a maioría delas son obrigatorias). Aquí algúns exemplos:
Conclusión
Vimos que as cookies non son malas, A veces úsanse con propósitos técnicos e respectan a túa privacidade, pero outras veces van ser a ferramenta que algúns servizos usarán para rexistrar a túa actividade online e ofrecerche anuncios de marketing dirixidos.
O tema é que a UE é consciente de que datos as empresas poden recoller sobre unha persoa, así que fixeron unha lexislación para que poidas escoller permanecer do xeito máis privado posible cando visitas un sitio web.
Obri! Espero que non te volvas paranoico/a, pero polo menos que te preocupes un pouco pola túa privacidade!